Estimadas familias,
Antes de nada desexamos de corazón que sigades ben de saúde.
Informamos nesta mensaxe sobre o desenvolvemento da terceira avaliación e este final de curso tan excepcional.
A partir do 25 de maio, segundo as últimas instrucións da Xunta, só os cursos de 2ºde Bacharelato e 2º de Ciclo Medio poderán volver ás aulas de xeito voluntario. No resto dos cursos, continuaremos co reforzo de aprendizaxes imprescindibles en competencias básicas mediante actividades de recuperación, repaso e reforzo da materia dada ata o 19 de xuño. Nalgunhas materias iremos vendo un pouquiño aqueles contidos máis importantes que podemos avanzar sen dificultade, de forma moi sinxela. Esta materia volverase a explicar o vindeiro curso, soamente é para que lles soen un pouco os contidos.
O sistema de avaliación basearese na media entre a primeira e a segunda avaliación e as actividades levadas a cabo de forma non presencial avaliaranse sempre de forma positiva.
En canto ao sistema de recuperación, enviámosvos a metodoloxía e os docentes poranse en contacto con aquel alumnado que teña materias pendentes para concretar o modo no que pode recuperalas. Esta metodoloxía tamén estará publicada na páxina web do Centro (blogs educativos).
O alumnado que promocione con materias pendentes poderá pasar de curso pero terá que recuperar o vindeiro curso escolar mediante un plan específico de recuperación.
Manterémovos informados das novas que vaian xurdindo. Desde o Colegio Vigo queremos tranquilizarvos dicindo que temos moi en conta a traxectoria do alumnado desde o comezo de curso e por suposto as circunstancias de cada familia, pois nos consta que por múltiples motivos non contamos por igual cos mesmos recursos para afrontar a educación a distancia.
Sen máis, recibide toda a nosa forza e cariño para superar estes momentos.
Moito ánimo!






