PATIOS DINÁMICOS NO COLEGIO VIGO
Alumnado e profesorado do Colexio Vigo participan dende a primeira semana do mes de febreiro no programa Patios Dinámicos. Esta iniciativa, creada por Gey Lagar formadora deste equipo de profesores, consiste en que, polo menos, un día á semana o patio do recreo do centro sexa diferente; o alumnado e docentes son os mesmos pero a dinámica e organización do xogo muda. É así como os mércores, os rapaces e rapazas, desde Infantil ata segundo curso da ESO, organizados en grupos polo patio e dirixidos por un Coordinador de Xogo, que vai variando ao longo das semanas, poden escoller voluntariamente entre diferentes e divertidos tipos de xogo facendo do tempo de recreo un momento divertido, onde todos os nenos e nenas teñen cabida.
A finalidade única que se busca coa posta en marcha deste proxecto é conseguir que o alumnado goce do tempo de ocio promovendo a inclusión daquel alumnado que polo motivo que sexa lle custe máis xogar, aumentando así a socialización a través do xogo. O obxectivo non é o xogo correcto, se non o xogo polo xogo, a ilusión de gozar dun momento compartido.
Trátase en fin dun programa inclusivo mediante o cal os nenos e nenas en xeral, sexa cal sexa a súa condición persoal, aprendan a xogar xuntos, a respectar a diversidade, a ser quen de resolver os conflitos que poidan xurdir mediante xestores de xogo (serán os mesmos alumnos e alumnas), previr o acoso escolar e en definitiva pasar un rato divertido todos xuntos.






